O goberno local urxe melloras de seguridade viaria na estrada Betanzos-Abegondo logo dun novo accidente

O goberno local volverá dirixirse á Xunta para reclamarlle melloras na estrada que une Betanzos con Abegondo despois de que se producise un novo accidente con importantes danos materiais.  A situación puido ser peor se nese momento algún peón ou peoa transitase polo tramo de beirarrúa invadido polo coche do accidente.

Dende o goberno local quérese poñer de manifesto de novo a necesidade de tomar medidas que incrementen a seguridade dunha estrada na que existen puntos perigosos en varios tramos. Estas melloras xa foron reclamadas en varias ocasións polo Concello, a última este pasado verán. Con motivo desa petición a Xunta volveu a trasladarlle ao Concello a súa negativa a declarar travesía urbana a estrada que une Betanzos con Abegondo ao seu paso por Guiliade a pesar de que o Concello considera que un tramo netamente urbano, con vivendas por ambas marxes é, polo tanto, é necesario reducir a velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h.  O Concello considera que a contestación recibida en agosto pola  da Xunta “non se axusta a realidade” actual e que era necesario tomar medidas antes de que se produza calquera desgraza como puido ocorrer no accidente producido días atrás.

O Servizo de Planificación e Innovación da Axencia Galega de Infraestruturas considera que no núcleo de Guiliade, a estrada AC-542 atravesa solo incluído no ámbito dos núcleos rurais, e o treito da estrada AC-542 que o atravesa non está recoñecido como treito urbano, nin como travesía, para os efectos de aplicación da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia e do seu Regulamento.

Con relación á regulación das velocidades, a normativa técnica de aplicación é a Orde do 20 de marzo de 2014 pola que se aproba a norma 8.1 IC Sinalización vertical da instrución de estradas do Ministerio de Fomento. A citada Instrución indica que, nos tramos delimitados como travesías, a velocidade máxima xenérica será de 50 Km/h. Non obstante, na actualidade, en Guiliade non se identifican travesías nin treitos urbanos.

O informe recolle que tamén se examinou a accidentalidade resultando que, nos rexistros que se contan dende o ano 2014 ata o 2020, non figuran atropelos a peóns ou peoas, un dato que “resulta chamativo por canto dende o Concello o que se intenta, precisamente, coa solicitude é evitar e previr que se produzan atropelos ou accidentes”.

Dende a Xunta incídese en que a sinalización do treito é a máis axeitada e lémbranlle ao Concello que a competencia para a vixilancia do cumprimento das velocidades máximas establecidas en cada treito de estrada e a capacidade de sancionar aos infractores correspóndelle á DXT, á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e ás policías locais nos tramos urbanos, incidindo dende a Xunta que “neste caso, non se dá unha situación de velocidade inadecuada, senón un incumprimento sistemático por parte determinados condutores ou condutoras que non respectan a limitación establecida na sinalización. Este problema esixe a adopción doutras medidas específicas para a vixilancia e sanción para realizar polos organismos coa competencia nese ámbito”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.