O Concello requírelle ás persoas propietarias de varios inmobles que acometan actuacións urxentes de seguridade e rehabilitación
O Concello acaba de esixirlle ás persoas propietarias dun inmoble situado na esquina das rúas Sombreireiros 2 e a rúa Travesa 16 a execución, nun máximo de 48 horas, dos traballos incluídos na orde de execución remitida polo persoal técnico municipal para estabilizar o inmoble e evitar a caída de elementos sobre a vía pública. No caso contrario, o Concello realizará as obras.
O concelleiro de Urbanismo e Casco Histórico, Diego Fernández, explicou que aínda que a intención das persoas propietarias era “executar os traballos requiridos para apontoar a vivenda, a demora nestes fixo que a situación do edificio empeorase e que haxa que actuar de forma urxente sobre este”. Por esta razón, o Concello acordoou o acceso á rúa Sombreireiros desde a rúa Travesa.
O edil indicou que o requirimento municipal forma parte do traballo que se está realizando por parte dos servizos técnicos municipais canto a seguimento e vixilancia de inmobles que están en malas condicións de conservación e sobre os que pesan ordes de execución.
Xunto con esta actuación, o Concello decretou varias ordes de execución nos últimos días, na rúa do Ouro número 2, na rúa Mariña 71, na rúa Nova 55 e rúa Mariña 63. No primeiro dos casos, trátase dun edificio sobre o que as persoas propietarias terían que actuar xa e no que despois de comprobar que non se executaron os traballos requiridos o Concello daralle un novo prazo, establecido por Lei, para a adopción de medidas de seguridade de maneira inmediata.
Canto á rúa Mariña 71 ábrese unha orde de execución para que as persoas propietarias presenten unha solicitude de licenza ou comunicación previa de obras necesarias para restablecer o cumprimento de deber de conservación do inmoble: rehabilitación da envolvente do edificio. Ademais, no prazo de 15 días deberán reforzar o apontoamento e instalar unha protección da circulación pola rúa.
Na rúa Nova 55 os servizos técnicos requírenlle á persoa propietaria a colocación dunha malla de protección para evitar desprendementos á vía pública no prazo de 7 días e a presentación dun proxecto de reposición das fachadas.
Por último, para o edificio de rúa Mariña 63 requírenlle á persoa propietaria a toma de medidas de seguridade no prazo dunha semana con colocación de malla e sinalizacións, ademais de reclamar un proxecto de rehabilitación do inmoble.
No caso de que as persoas propietarias incumpran os requirimentos, a Administración local realizará á execución forzosa dos traballos mediante a imposición de multas coercitivas por importes que van desde 1000 a 10 000 euros reiterables trimestralmente.