O Concello asumirá outro catro anos máis a xestión directa do comedor escolar e madrugadores/as e destinará uns 360 000 euros ao servizo

O goberno local, que adxudicou o servizo en 452 000 euros, cubrirá durante os anos do contrato as bonificacións do alumando que van desde o 20% ao 100% do custo e das que este ano se viron beneficiados 239 alumnos e alumnas.

O Concello seguirá xestionando outros catro anos o servizo de comedor escolar e madrugadores/as. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, que incluíu este asunto na orde do día do Pleno que se terá lugar hoxe para aprobar a licitación do servizo durante dous anos, prorrogables a outros dous. O Concello pretende así manter un servizo esencial para o alumnado e as familias, dentro tamén das medidas de conciliación, cuxa xestión directa iniciou en 2013 recollendo a testemuña da ANPA que ata ese momento se encargara deste. A partir dese ano o Concello encargouse da xestión a través dun contrato de servizos que agora foi necesario licitar de novo debido á súa finalización e as prórrogas que xa se fixeron.

Para a elaboración dos novos pregos tívose en conta a experiencia destes anos achegada desde  o departamento de Servizos Sociais, incluíndo así aspectos que se consideraron que podía mellorar o servizo tanto desde o punto de visto de xestión como desde o punto de vista de funcionamento do comedor. O servizo ten un custo anual duns 113 000 euros (IVE incluído).

Deles, o Concello achegará algo máis de 90 000 euros, e desviará esta cantidade para bonificacións establecidas, reguladas a través da ordenanza do prezo de comedor e madrugadores/as, que en función da renda per cápita, prevé descontos que van desde o 20% ao 100%, con importantes bonificacións para familias con dous irmáns ou irmás, que chega ao 70% para o segundo, e para familias numerosas cunha bonificación do 65% cada alumno ou alumna. Para familias en risco de exclusión social a subvención alcanza o 100%.

Nestes momentos, o servizo de comedor ten un total de 446 persoas usuarias das que 149 son de Infantil e 297 de Primaria. Destes últimos, 151 teñen algún tipo de bonificación con 48 alumnos/as ao 100%. Canto a educación Infantil, dos 149 alumnos e alumnas que  están no servizo, o Concello bonifica a 88,  dos que 27 teñen subvencionado o 100% do custo.

A alcaldesa insistiu en que se trata dun servizo “que o Concello non quere eludir porque é básico para a conciliación da vida familiar e laboral, para a igualdade de oportunidades das persoas con menos recursos e para incidir en hábitos saudables desde o punto de vista da alimentación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.