María Barral solicítalle o apoio ao delegado do Goberno para impulsar un parador e reforzar os investimentos para o centro histórico e O Pasatempo

O primeiro encontro da alcaldesa de Betanzos, María Barral, co delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Besteiro, serviu para pór sobre a mesa diversas cuestións que dependen do Goberno central en materia de equipamentos e infraestruturas. Entre eles,  a alcaldesa trasladou o interese, xa exposto a Turismo, de impulsar a creación dun parador no centro histórico, unha proposta que o novo delegado do Goberno considera “moi interesante” en liña coas actuacións de impulso e revitalización que o goberno local pretende levar a cabo na zona.

O obxectivo do Concello é dobre. Por unha banda, a dinamización do centro histórico e por outro cubrir o déficit de oferta hostaleira que ten a cidade, onde “existe unha boa oferta en canto á calidade, pero non en cantidade”.

O delegado interesouse pola proposta presentada desde Betanzos no Plan de sustentabilidade turística do centro histórico que conta cun investimento dun millón de euros e que recolle diversas actuacións de dinamización como un centro de interpretación, rutas temáticas, un parque infantil e espazos enogastronómicos, entre outras cousas.

A maiores, a primeira edil solicitoulle ao delegado que Estradas axilice os trámites para o inicio, canto antes, “da construción da rotonda da Magdalena, unha actuación que xa foi adxudicada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) na que se investirán case 200.000 euros”.

Barral insistiu tamén en pedir a colaboración do delegado para que as instalacións do antigo ambulatorio poidan estar dispoñibles a nivel municipal para fins sociais acolléndose así ao Decreto sobre o patrimonio da Seguridade Social publicado o  pasado mes de xaneiro polo Goberno. O obxectivo é dispor destas dependencias para que poidan desenvolverse nelas actividades e programas de distintas asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio.

O parque do Pasatempo foi outro dos asuntos tratados durante a reunión no o Goberno investirá a través dos fondos europeos 1,5 millóns de euros. A primeira edil indicoulle ao delegado que “é necesario incrementar as axudas, polo que pediu tamén a súa mediación para conseguir novos fondos tendo en conta que a día de hoxe a colaboración da Xunta limitouse simplemente aos  60 000 euros do plan director”.

Para este parque o Concello presentará este mesmo mes un novo proxecto ao Estado cunha partida de máis dun millón de euros que lle permita continuar o proxecto de recuperación, e outra partida para a creación dun parque temático infantil vinculado á historia do Pasatempo.

María Barral reclamou que se axilice tamén a solución para a supresión do paso a nivel de acceso ao porto, pendente por parte de Adif, e se incrementen as axudas para a mellora de vivendas no centro histórico da cidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.