Concello, Patrimonio, e técnicos do Plan Director e do proxecto do Estanque do Retiro crean un grupo de traballo e seguimento das actuacións no Pasatempo.

Concello, Patrimonio, empresa responsable do Plan Director e representantes da empresa adxudicataria das obras da primeira fase de recuperación do Pasatempo, así como o equipo redactor do proxecto, mantiveron unha reunión de coordinación “dada a coincidencia no tempo de ambos os traballos e a necesidade de ir da man entre administracións e técnicos á hora de actuar sobre o parque cunha información fluída e transversal”, explicou o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Andrés Hermida, quen coordinou a reunión.

Nestes momentos a empresa adxudicataria dos traballos de restauración do Estanque do Retiro realiza o replanteo das obras antes do comezo dos traballos, mentres que os técnicos do plan director comezaron “os traballos de campo. Ambas deben de estar coordinadas  xa que é moi importante de fronte ao futuro da restauración do parque que o equipo redactor do plan director coñeza de primeira man cuestións que se van a ir expondo no día a día dos traballos de recuperación, especialmente en canto a todo o que ten que ver cos materiais e a súa composición”, indicou Andrés Hermida.

O concelleiro destacou a importancia deste tipo de reunións, que se manterán no tempo, para “seguir avanzando e que nelas participe Patrimonio, que así tamén contará con información directa do desenvolvemento dos traballos, tanto dos que se executan como os que se programan no plan director”.

En canto ás obras, Andrés Hermida apuntou que arrincarán nuns días despois dos “traballos preliminares de campo”. Trátase dunha actuación que ten como obxectivo   conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, propoñendo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten  perturbadores para o ollo do espectador, e para  conquerir que se facilite a lectura escultórica.

Os criterios xerais desta primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais, que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calquera outro con especiais requirimentos estruturais, procederase á intervención da restauración sobre os elementos decorativos.

Destacou que, en base ao proxecto técnico, procurarase que os materiais para empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, pero diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal a reconstrución implementada. Soamente achegarase novo material cando as necesidades estruturais, funcionais, ou de comprensión, recoméndeno. Dada a variedade da intervención en cada peza, ou conxunto, requirirá dunha metodoloxía singular.

Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación (que prevé un investimento de 750.000 euros) para as que se destinarán finalmente 485.599 euros (prezo de adxudicación).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.