Betanzos regula o espazo e o mobiliario das terrazas de hostalaría cunha nova Ordenanza

Os hostaleiros e hostaleiras disporán ata o 28 deste mes de abril para solicitar autorización para a instalación de terrazas en espazos de uso público. O Concello informou os hostaleiros e hostaleiras sobre a aprobación definitiva da Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas unha vez que desde o pasado día 31 de marzo xa non ten vixencia as autorizacións dadas de forma excepcional pola Covid, cuxo prazo de ampliou ata en tres ocasiones ante a afectación que tivo a pandemia no sector.

Agora a hostalaría deberá regularizar a situación ben para solicitar unha nova instalación ou para modificar unha que xa foi concedida, cubrindo toda a documentación a través da sede electrónica municipal. Como principal novidade en relación á anterior Ordenanza  é que a instalación require a previa obtención de autorización municipal. Unha vez obtida a autorización, a hostalaría deberá axustarse ás condicións da nova Ordenanza, deixando nese momento de ter efecto as ampliacións excepcionais outorgadas con motivo da Covid. Haberá dous tipos de autorización, as anuais ou por tempada. Estas últimas van desde o 1 de marzo ao 31 de outubro, ambos os dous incluídos.

Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público. Descargar

Solicitude de Licenza de Instalación de TerrazasDescargar

Todos os elementos para instalar nas terrazas serán obxecto de supervisión previa e preceptiva polos servizos técnicos municipais, a efectos de harmonización da contorna no que se coloca e evitar así, segundo o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, “elementos que nada teñen que ver coa contorna e que causan un impacto visual na zona. Todos deben seguir una mesma liña, aínda que a terraza poida variar en función das súas características, pero dentro dunha liña acorde coa contorna no que se atopa”.

Neste sentido, por exemplo, no ámbito de aplicación do Plan Especial de Protección e Ordenación do Centro histórico ou en espazos de valor singular, deberá instalarse mobiliario fabricado con materiais como madeira, vimbia, ferro forxado ou material que imite aos anteriores cunha calidade acorde coa contorna. Poderase admitir outro material de similar calidade a este logo do informe favorable dos servizos municipais.

Canto aos elementos de sombra, serán unha única cor para a mesma terraza e acordes coa contorna e co resto de mobiliario e elementos que compoñan a terraza e a súa contorna. En ningún caso, estas instalacións impedirán a visibilidade de sinais de tráfico ou de información. A Ordenanza permitirá a colocación de biombos, cortaventos ou xardineiras divisorias ou delimitadoras, que deberán harmonizar co resto de elementos.

No caso de renovación de autorizacións, deberá presentarse a correspondente comunicación previa no modelo normalizado acompañado dunha serie de documentación técnica. Para adaptar as terrazas á nova Ordenanza no relativo ao mobiliario e outros elementos que configuran o espazo, os hostaleiros e hostaleiras terán ata o 31 de decembro de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.