Adif atende a petición do Concello e acomete a reposición da pasarela peonil sobre o río Mandeo

O goberno local agradeceulle á Subdelegación do Goberno e a Adif a reposición da pasarela peonil da ponte sobre o río Mandeo que desde facía tempo estaba en moi mal estado de conservación, co paso de madeira deteriorado, con taboleiros que non estaban ben colocados ou que directamente faltaban, o que “provocaba unha inseguridade, que levou ao Concello a pechar este paso”.

Os traballos centráronse na substitución de toda a pasarela peonil por un ferro metálico e pintado. A primeira edil, María Barral, destacou a implicación da subdelegada, María Rivas, para que Adif atendese a demanda efectuada polo Concello tendo en conta que se trata dun paso utilizado por moitos veciños e veciñas de Betanzos.

En paralelo, a primeira edil instou a Adif a que acelere a proposta técnica para a supresión do paso a nivel de acceso ao porto, unha proposta que estaba pendente de exporse a través dun novo proxecto despois de que o Concello se opuxese á opción “que Adif quería levar a cabo polo importante impacto visual que supuña a construción dun viario que conectaba o Paseo Ramón Beade e a rúa Arxentina a través dun paso superior sobre a vía do ferrocarril, cunha pasarela peonil que se situaría na contorna do actual paso a nivel e a repavimentación da rúa Arxentina ata o paseo Ramón Beade”.

Naquel momento, a primeira edil mantivo unha reunión Madrid, hai agora case un ano, unha reunión de traballo con persoal técnico de Adif na que se acordou buscar unha solución intermedia entre a proposta da responsable da vía e a formulación do Concello para a eliminación do paso a nivel do porto.

A primeira edil trasladou na reunión mantida en Madrid que o Concello se opuña a esta formulación polo seu impacto e insistía na construción dunha conexión a uns 300 metros aproximadamente do cruzamento das avenidas da Coruña e Fraga Iribarne en dirección Betanzos-Sada e desde aí un viaduto duns 163 metros de lonxitude para conectar cos terreos portuarios.

Esta solución era  inasumible por parte de Adif polos altos custos económicos que suporía, máis de seis millóns de euros segundo as súas estimacións, co que se acordou buscar tecnicamente unha solución intermedia, sen o impacto visual da proposta de Adif e recollendo unha conexión desde a antiga N-VI como expón o Concello pero cun viaduto máis curto.

Pasado un ano desde entón, o Concello instou a Adif a presentar este proxecto coincidindo con que “xa está definida a construción da rotonda da Magdalena, que era outro dos aspectos importantes da conexión co porto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.