O Concello oponse a que Portos lles cobre ás persoas propietarias de embarcacións por servizos que non presta en Betanzos
O Concello pretende abrir unha mesa de negociación con Portos de Galicia para tratar diversos asuntos relacionados coa zona portuaria da cidade e que lle afectan de forma importante e directa ás persoas usuarias destas instalacións e á veciñanza que transita diariamente pola zona. A alcaldesa, María Barral, explicou que nos últimos días mantivo conversas co presidente do organismo para trasladarlle a súa preocupación e o malestar das persoas propietarias de embarcacións pola intención de Portos de Galicia de cobrar por unha serie de servizos “polos que nunca se cobrou e que, ademais, no caso de Betanzos nunca se dispuxeron na zona portuaria”.
Barral Varela indicou que a intención de Portos é, por exemplo, cobrar polos amarres sen ter en conta que en Betanzos “non existen puntos de amarre e cada propietario de embarcación, ata agora, buscouse sempre a vida para facelo”. A primeira edil explica que Portos ten que ter en conta que o de Betanzos é “un tanto especial porque non se trata dun porto náutico deportivo ou pesqueiro no que hai unha actividade constante. En Betanzos predominan as embarcacións tradicionais dos Caneiros que nalgúns casos só se baixan ao río durante os meses de verán e noutros, as de maiores dimensións, déixanse no porto, dunha tempada a outra, sen actividade ningunha”.
Por iso, pedirá, como xa fixo nas conversacións mantidas, mais agora dunha forma oficial que ” se faga unha excepción con estas embarcacións dado o que supón economicamente para as persoas propietarias”. Ademais, lembra que nin sequera “existen puntos de amarre nin outros servizos na zona polos que parece que Portos quere cobrar” polo que agarda que haxa unha marcha atrás nesta medida.
Convenio
Outro dos asuntos que o Concello quere tratar con Portos é o convenio asinado entre ambas as administracións hai máis de dez anos, coincidindo co goberno do PP en Betanzos, no que “o Concello se facía cargo do mantemento das instalacións”. A día de hoxe “esta folla en branco asinada polo entón goberno local do PP coa Xunta” é imposible manter e pediremos “unha revisión deste e informes xurídicos oportunos porque coidamos que non se axusta á legalidade”. A primeira edil considera que os betanceiros e as betanceiras non poden asumir os gastos derivados do mantemento da zona portuaria como o paseo de madeira, a iluminación, a limpeza, as zonas verdes… e que, aínda por riba agora Portos de Galicia quere cobrar unha taxa ás persoas propietarias de embarcacións”. O último exemplo foi a reposición do cable de cobre roubado do tendido eléctrico que tivo que repoñer o Concello.