Betanzos manten a súa aposta polos programas de ámbito social e as actuacións de mellora de equipamentos nos orzamentos do 2022
Gasto social e novos proxectos de mellora de equipamentos e infraestruturas, son as bases de actuación dos orzamentos municipais que Betanzos levará ao Pleno este mes e que alcanzan os 10,3 millóns de euros. Trátase duns orzamentos marcados “polo ámbito social, con redución de partidas noutros sectores para fortalecer os programas de carácter social e de axudas a colectivos xunto coa recuperación do patrimonio e a mellora de equipamentos públicos que non esquece tampouco os programas en cultura, o deporte e a educación” indicou hoxe a alcaldesa, María Barral.
O orzamento deste ano ascende a 10 347 938 euros, uns 380 000 euros menos que no 2021. Deste orzamento, 1,2 millóns de euros destinaranse ao capítulo de investimentos que baixa con relación ao ano pasado por unha redución nos programas de mellora enerxética, unha vez que xa están en execución as primeiras fases deste que inclúen un importante gasto acumulado dos anos anteriores. Esta cifra de 1,2 millóns de euros verase incrementada ao longo deste 2022 coas achegas que cheguen a través do POS adicional da Deputación; remanentes pendentes de executar de anos anteriores e os investimentos que o Concello xestiona a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dos fondos europeos, no que Betanzos aspira a conseguir axudas para levar a cabo actuacións como un Centro de Día, melloras no casco histórico ou 1,5 millóns para o proxecto de recuperación do Pasatempo.
A alcaldesa explicou tamén que o gasto corrente se verá incrementado nun 0,75% e chegará aos 3,5 millóns de euros con partidas que inclúen actuacións de mantemento de vías públicas, limpeza, iluminación, programas educativos, de actividades culturais e deportivas, ademais de plans de axudas sociais, como, por exemplo, o Servizo de Axuda no Fogar, para o que se destina máis dun millón de euros, aos que se suman os programa de comedor escolar ou o transporte adaptado.
A primeira edil explicou que este esforzo en manter os servizos e potenciar os programas sociais é incluso máis importante que noutros exercicios tendo en conta que o Concello ten este ano que dedicarlle máis orzamento para atender o capítulo de persoal que sobe o 9,89% necesario para cubrir o nova Relación de Postos de Traballo e as prazas novas que se están cubrindo mediante as distintas convocatorias públicas. Este capítulo alcanza os 4,8 millóns de euros.
Por último, destinaranse arredor de 700 000 euros ao capítulo de transferencias no que se inclúen convenios nominativos para axudar ás entidades betanceiras nos distintos ámbitos (sociais, educativas, deportivas e culturais); axudas escolares, transporte público e programas como o de xantar na casa.
Canto aos ingresos, prodúcese unha rebaixa nos impostos indirectos duns 280 000 euros pola caída na recadación nas administracións públicas.