Betanzos abre a beirarrúa da rúa Río Sol na que o Concello investiu algo máis de 100.000 euros
O Concello abriu o paso peonil pola rúa Río Sol unha vez concluídos os traballos de renovación das beirarrúas e servizos. Trátase da beirarrúa situada na estrada de que une Betanzos con Oza á altura das Cascas con traballos que incluíron a renovación de todos os servizos, a substitución do pavimento e a colocación de mobiliario urbano, mantendo as prazas de aparcadoiro en batería. Unha vez aberta a beirarrúa ao paso peonil, nos próximos días concluirán os traballos co pintado e a instalación de mobiliario.
Os traballos incluíron a mellora da seguridade, dos servizos coa substitución das redes de abastecemento, saneamento e pluviais; o cambio de pavimento e a eliminación de puntos onde existían barreiras arquitectónicas coa creación dunha zona peonil dotada de mobiliario urbano.
A alcaldesa, María Barral, indicou que se trata dunha actuación “relevante” por canto afectou a un tramo que dá servizo a un importante número de persoas. O proxecto recolleu a ampliación dunha zona peonil e mantén as prazas de aparcadoiro en batería que existían excepto tres por cuestións técnicas.
Con estas obras pretendeuse, sen dúbida, “mellorar as condicións ao longo da urbanización e liquidar os problemas de filtracións das redes de saneamento e abastecemento dándolle continuidade ás actuacións que se realizaron de forma paulatina en distintas rúas do centro urbano coa intención de mellorar os servizos existentes, liquidar problemas e mellorar as condicións dos pavimentos.
Dadas as características da zona executouse a ampliación do ancho das beirarrúas en 30 cm, agás diante do edificio n.º 3, en cuxa fronte se proxectou unha beirarrúa en todo o ancho, que ocupa tres prazas de aparcadoiro para resolver a diferenza de niveis mediante ramplas de acordo coa normativa de accesibilidade. Na zona onde a beirarrúa era máis ancha plantaranse árbores e poranse bancos, e crearase así un pequeno espazo para uso da cidadanía, redefinindo e mellorando a circulación peonil.
As beirarrúas realizáronse con bordo de granito e baldosas con acabado superficial gris granallado antiescorregadizo. O investimento foi de algo máis de 100 000 euros.