O Concello creará unha área recreativa e mellorará a urbanización da Condesa
O goberno local creará unha nova área recreativa na zona da Condesa. Trátase dunha actuación que levará a cabo xunto á Deputación Provincial e que terá como obxectivo a recuperación dunha franxa de zona verde situada entre a urbanización e a N-VI.
O obxectivo non é outro que recuperar un espazo que co paso do tempo foise degradando e “que debe de ser aproveitado polos veciños de Betanzos en xeral e os da Condesa en particular, dotándoo de mobiliario urbano e dun espazo acorde para o esparexemento”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.
O proxecto incluirá a limpeza de toda a zona, a retirada e materiais, e a creación dun carreiro peonil. Contará con bancos e mesas, ademais de novas especies arbóreas. Nesa mesma zona, hoxe en día, existen túas, plantadas hai anos, que serán talladas en parte central da parcela. Na zona norte, onde tamén existe este tipo de especie, podaranse para formar un sebe que servirán de pantalla soase nas inmediacións da N-VI.
A maiores, o goberno local tamén realizará unha mellora da praza Enrique Rego, para ordenar diferentes espazos de xogos para os máis pequenos, dotando ademais a zona de mobiliario urbano e realizando diversas actuacións de accesibilidade.
Esta actuación incluirá a reparación de pavimento, e a creación dun pequeno circuíto para bicicleta dirixido aos nenos con pavimento adecuado para patinar ou para percorrelo en cadeira de rodas, con sinais de tráfico en todo o percorrido. Delimitarase unha zona con mobiliario urbano para xogos con pelota e que este tipo de actividade, para goce dos pequenos póidase conciliar coa presenza de maiores; e a creación dunha zona para xogos infantís tradicionais, pintados no pavimento. Colocaranse varandas, en escaleiras e ramplas, e xardineiras de árbores de loureiro ademais de mellorar as bancadas de formigón da praza. O obxectivo último é humanizar toda a superficie da urbanización.
Estas obras únense a outra importante actuación que, a maiores destes dous proxectos, incrementará de forma notable os servizos na zona da Condesa-As Cascas como é a recuperación do convento de As Doas que será rehabitado para uso social.