Betanzos renova o campo de herba artificial do Carregal cun céspede de última xeración
Os traballos contan cun investimento duns 149.000 euros dentro do programa de mellora de instalacións deportivas
O Concello iniciou os traballos de renovación do campo de herba artificial do Carregal dentro dunha reforma integral das instalacións das que se beneficiarán os equipos de categoría inferior do Betanzos CF así como equipos de penas e veteranos, tanto en fútbol 11 como en fútbol 8.
As obras empezaron esta semana coa retirada do antigo céspede de herba artificial e o acondicionamento da superficie para a colocación do novo, que teñen que substituírse debido ao uso excesivo e o desgaste ocasionado. O custo do novo campo é de 149.803 euros.
O proxecto recolle a substitución do campo de fútbol de céspede artificial, por un sistema de última xeración na súa composición como polímero de poliolefinas. Esta composición permite a utilización do Campo para a práctica tanto de Fútbol 11 como de Fútbol 8, realizando as marcas minimizadas no terreo de xogo para ambos os tipos de xogo e dotando as instalacións do equipamento deportivo necesario, atendendo por tanto ás esixencias dos diferentes equipos locais que o utilizan e demostrando a polivalencia da instalación que se proxecta obtendo un campo de Fútbol de herba de céspede artificial de última xeración, dotado de dous campos de Fútbol 8 transversais ao anterior. As dimensións do campo de Fútbol 11 serán das mesmas dimensións existentes (104×62), sempre atendendo ás normas vixentes respecto dos deportes a practicar, dentro da superficie dispoñible.
Dentro das diversas opcións que existen como pavimentos sintéticos deportivos para Campos de Fútbol, optouse por unha de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol fabricado mediante sistema TUFTING en zigzag, adaptado para cumprir os parámetros segundo a Norma UNE EN 15330-1, (superficies de céspede artificial para fúbol), e FIFA FIFA Quality Prol Concept for Football Turf.
A alcaldesa, María Barral, que visitou o campo de fútbol xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, explicou que se trata dunha actuación necesaria “para cubrir as necesidades que ten o Concello en materia deportiva, despois de que o actual campo sufrise a lóxica deterioración polo paso do tempo”. A primeira edil indicou que os traballos forman parte dunha serie de proxectos de mellora de instalacións deportivas que se irán executando de forma paulatina a curto e medio prazo “aínda que gran parte destas xa se viñeron realizando, especialmente, no relativo ás melloras de pistas polideportivas descubertas, durante os últimos meses”.