O Concello creará preto de 70 hortos urbanos na zona de Bellavista a través dun proxecto que servirá para rexenerar a contorna do centro de formación

O proxecto de hortos urbanos incluirá a recuperación da parte alta dos terreos municipais de Bellavista

O goberno local desenvolverá na zona de Bellavista o primeiro proxecto de hortos urbanos cos que contará Betanzos. Para iso, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, o Concello en colaboración coa Deputación Provincial, executará un proxecto que servirá por unha banda para “ofrecer aos veciños a posibilidade de contar cunha pequena parcela na que poidan plantar, sementar, o que queiran; e por outro, recuperar e rexenerar unha zona que nestes momentos atópase deteriorada”.

O proxecto de hortos urbanos incluirá a recuperación da parte alta dos terreos municipais de Bellavista, é dicir, unha parcela anexa ao centro de formación ocupacional que antigamente ocupaba o invernadoiro municipal e que, despois, co paso do tempo, converteuse nun espazo para depositar materiais de forma provisional de obras municipais.

A primeira edil avanzou que o proxecto recollerá o acondicionamento da parcela municipal que albergará un total de 68 hortos urbanos, divididos en camiños peonís, e en cada un deles haberá un armario de madeira para almacén, e na parcela unha zona de compostaxe para uso xeral con compostadores. Tamén se instalarán tomas para rega e delimitarase o chan de cada parcela.

Nestas parcelas poderán realizarse plantacións agrícolas con métodos de cultivos ecolóxicos onde se combinan as funcións produtivas asociadas ao consumo familiar con finalidades sociais e ambientais, “as cales albergan un enorme potencial para desenvolver iniciativas de participación cidadá”.

O goberno local busca con esta iniciativa que persoas que non dispoñen dun terreos propio para realizar cultivos “poidan gozar deste espazo cuxo uso estará regulado a través de regulamento e co que pretendemos ademais contribuír á mellora da paisaxe urbana na zona, promover boas prácticas de agricultura; rescatar as tradicións agrícolas na cidade; fomentar o uso do espazo público para os cidadáns, ordenando o uso e a actividade fomentando o autoconsumo e conectando entre si todas as actividades de carácter social, lúdicas e educativas;  fomentar a xestión comunitaria dos hortos e potenciando a conciliación interxeracional.

O Concello aínda avanzará agora no proxecto de xestión destes hortos e nos procesos de concesión das parcelas, unha vez licítese o proxecto para a execución das obras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.