O PSOE de Betanzos impulsa a mellora da pasarela das Cascas e das beirarrúas da ponte Nova para reforzar a seguridade peonil

O grupo municipal socialista informa do inicio das obras de restauración da pasarela de madeira que conecta a zona das Cascas co Parque do Pasatempo, unha infraestrutura moi utilizada pola veciñanza e que presentaba danos estruturais derivados da humidade acumulada. A alcaldesa, María Barral, explicou que a intervención busca garantir un uso seguro e sostible, corrixindo as afectacións provocadas pola podremia fúnxica activa detectada na madeira.
A actuación contempla a substitución de elementos danados por madeira tratada, a instalación de barreiras impermeables, proteccións de aluminio, tratamentos funxicidas e selado de fisuras, ademais dunha limpeza profunda e selado final. Durante as próximas semanas, será necesario cortar o paso para acometer os traballos con garantías.
Esta obra forma parte do plan de mellora das infraestruturas peonís e de seguridade vial que o PSOE de Betanzos está a desenvolver en distintos puntos da cidade. Neste marco, o Concello tamén acometeu a reparación das beirarrúas da ponte Nova, substituíndo baldosas en mal estado en ambas marxes, malia tratarse dunha vía de competencia estatal.
Estas intervencións reflicten o compromiso do goberno local coa accesibilidade, a seguridade e a calidade dos espazos públicos, eliminando barreiras arquitectónicas e incorporando medidas como pasos peonís elevados e lombos de burro para reducir a velocidade do tráfico.
Desde o PSOE de Betanzos seguimos traballando por unha cidade máis segura, accesible e pensada para as persoas.