Betanzos prepara a reapertura do Museo para decembro tras renovar todo o sistema de iluminación para potenciar as coleccións que alberga
O Concello ultima a adecuación do Museo de As Mariñas para a súa reapertura no mes de decembro unha vez realizados os traballos de renovación de iluminación coa que se pretende pór en valor tamén as coleccións que alberga esta instalación municipal que este ano cumpre o seu 40 aniversario.
O proxecto tamén incluíu a renovación de ventás e portas, dentro da mellora da eficiencia enerxética, e a renovación da iluminación na biblioteca municipal, coa que se completou a instalación do novo mobiliario.
O proxecto conta cun investimento superior superior aos 400 000 euros e inclúe a substitución de todo o sistema de rede de iluminación e de toda a carpintaría do edificio dentro dos programas de aforro enerxético nos que está a participar Betanzos a través dos fondos europeos.
En iluminación perséguese tres obxectivos: a redución do consumo enerxético da instalación; a adecuación das instalacións para garantir o funcionamento óptimo de luminarias e, en terceiro lugar, a mellora do confort visual do visitante e a minimización dos danos ás pezas expostas.
Esta substitución realizouse por unhas novas luminarias LED e proxectores de aluminio fundido e material termoplástico. Os reflectores e refractores dispoñen do sistema OptiBeam de elevada eficiencia luminosa e distribución homoxénea podendo orientarse ata 90º en plano horizontal e 360º ao redor do eixe. Para a zona de oficinas, biblioteca e aulas, colocáronse novas pantallas máis eficientes. Tamén se substituíu a iluminación das vitrinas por unhas novas tiras de led que permitan melloras na conservación ao non incrementar a temperatura do interior da vitrina.
Canto á carpintaría exterior do edificio, substituíuse a totalidade das xanelas e portas que estaban en mal estado, con perda de material, caruncho en moitos casos e deformación excesiva en case todas, que dificultaban a súa estabilidade e as normais manobras de apertura e peche.
A alcaldesa, María Barral, indicou que o proxecto era unha actuación “pendente desde había anos e importante para un Museo referente na provincia”. Concluída a instalación de portas, xanelas e iluminación, agora acometerase unha fase de adecuación das salas e corredores, con pintado e sinalización de elementos antes de reabrir o Museo. A intención é facelo durante o mes de decembro, unha vez que conclúan estes traballos.
María Barral destacou o cambio experimentado por moitas zonas do edificio con estas actuacións como a biblioteca, á que tamén se dotou de novo mobiliario, ou o claustro que o Concello pretende utilizar para distintos eventos culturais.