Betanzos exponlle a Portos a renovación do paseo do porto como o Concello fixo co da Galera
O Concello solicitaralle á Consellería do Mar e a Portos de Galicia, como último responsable, un proxecto de reforma da zona portuaria de Betanzos. A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello reclamará unha reforma completa do paseo do porto seguindo a liña do paseo da Galera. A proposta pasa pola construción dunha nova varanda de granito ao longo do paseo similar á que O Concello instalou hai uns anos no paseo da Galera.
O Concello solicitaralle tamén novos servizos como puntos de corrente eléctrica para os propietarios e as propietarias de embarcacións, ademais de mobiliario. A primeira edil explicou que se trata de actuacións novas e que, por tanto, “correspóndenlle a Portos de Galicia” tendo en conta que a varanda de madeira que no seu día se instalou “non é viable nin sustentable no tempo”. Precisamente, a varanda do paseo da Galera, substituída polo Concello, tamén era de madeira e por esa razón foi substituída por unha de granito.
O Concello agarda que Portos de Galicia aproba a petición tendo en conta “a súa pretensión de cobrarlle aos propietarios e propietarias das embarcacións polos amarres” nunha zona na que é evidente que “se necesitan máis servizos que a Xunta non levou a cabo durante estes anos cando é a súa responsabilidade e competencia”.
A primeira edil indicou que o Concello está disposto a colaborar no proxecto porque “ademais da mellora da zona supón, de cara ao futuro, unha redución dos custos de mantemento”. María Barral indicou que a situación da varanda actual non é a apropiada e que “desde hai anos advertiuse de que o material non era o idóneo para a zona. Por moito mantemento que houbese a deterioración destes anos foi constante e é necesario que Portos expoña outras opcións e asuma unha reforma integral deste espazo”.