Betanzos estende a fibra óptica por zonas do rural que carecían do servizo
Os traballos, desenvolvidos por unha operadora, foron longamente demandados polo Concello ao Ministerio de Transformación Dixital.
Betanzos amplía a rede de fibra óptica para dar servizo a zonas que ata agora non contaba con este servizo despois das peticións e conversas realizadas desde a Alcaldía coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Nestes momentos están a desenvolverse os traballos por parte da operadora elixida polo Ministerio na zona de Montellos para continuar logo en Piadela.
Ademais estenderanse a Vila de Suso e Castro, para cubrir tamén núcleos que ata agora non contaban con fibra óptica e nos que había interese e necesidade por parte de moita veciñanza. Estas zonas súmanse á do Tarreo, na que tamén se efectuaron traballos.
A alcaldesa, María Barral, amosou a súa satisfacción pola execución destes traballos e que “atendese as peticións trasladadas persoalmente e a través de varias comunicacións, ás que se lle sumaron as peticións veciñais”. Lembrou que ata 2021 as reclamacións do Concello se dirixiron ás operadoras de telefonía aínda que “ante a súa negativa a atender as nosas demandas decidimos dirixirnos á Secretaría de Telecomunicacións para intentar que o desenvolvemento de fibra óptica no municipio se executase de maneira prioritaria”.
O goberno local explicou que xunto a estas zonas tamén se pedirá un estudo sobre puntos concretos do municipio nos que existe “sombra” en canto a cobertura, algúns deles na propia cidade, para que “se revisen e na medida do posible se poida mellorar a cobertura dadas as queixas que tamén recibimos no Concello”.