Betanzos comezará en novembro os traballos de restauración da primeira fase das obras do Pasatempo
O goberno local reuniuse co persoal técnico e a empresa adxudicataria das obras da primeira fase de restauración e conservación do estanque do Retiro do Pasatempo para planificar o inicio destas, que darán comezo nos primeiros días de novembro. A próxima semana colocaranse as casetas de obra para iniciar os preparativos dos traballos.
Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación (que prevé un investimento de 750 000 euros) para as que se destinarán finalmente 485 599 euros (prezo de adxudicación).
Tendo en conta a complexidade das actuacións, a empresa que realizará os traballos será Parteluz Restauración, especializada en restauración e rehabilitación, que acreditou a súa solvencia técnica cunha relación de obras executadas no últimos cinco anos, avaladas con certificados de boa execución. Os labores prolongaranse por espazo de 15 meses.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou o papel “fundamental” que neste proceso tivo e ten a Deputación “co seu presidente á fronte, que desde o primeiro minuto se implicou para destinar ao Pasatempo unha partida que entendemos moi importante e que permite iniciar un proceso de recuperación, por fases, que sen a súa achega sería imposible”. Barral insistiu de novo en que “a colaboración da Xunta non pode limitarse á redacción do plan director senón que debe achegar unha cantidade económica, como mínimo, similar á Deputación, tendo en conta que, ademais, trátase dun Ben de Interese Cultural”.
O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, e evitar, en xeral, completar as pezas deterioradas, ademais de propor cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conseguir que se facilite a lectura escultórica.
Os criterios xerais desta primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais, que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calquera outro con especiais requirimentos estruturais, procederase á intervención da restauración sobre os elementos decorativos.
Destacou que, con base ao proxecto técnico, procurarase que os materiais a empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, mais diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal a reconstrución implementada. Soamente se achegará novo material cando as necesidades estruturais, funcionais ou de comprensión o recomenden. Dada a variedade da intervención en cada peza ou do conxunto requirirá dunha metodoloxía singular