Betanzos presenta un novo proxecto de tres millóns de euros aos fondos europeos para o Pasatempo, parque temático e centro histórico
res millóns de euros. Esa é a cantidade recollida no novo proxecto presentado polo Concello a unha nova convocatoria de fondos Next Generation no que incluirá tres liñas: unha nova fase de recuperación do Pasatempo; a construción e creación dun parque temático vinculado á historia do Pasatempo e dirixido aos máis pequenos e pequenas; e diversas actuacións vinculadas ao centro histórico.
Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, quen espera que a proposta do Concello consiga, de novo, pasar os cortes e ser unha das seleccionadas polo Goberno para optar a esta nova liña de axudas e unirse así aos 4,3 millóns que xa se lle concederon noutras liñas subvencionadas.
O investimento para o Pasatempo alcanza os 1,5 millóns de euros e centrarase na mellora dos accesos, e a conexión dos distintos niveis. Ademais, haberá boa parte deste investimento destinado á recuperación de elementos, que serán reproducidos dos orixinais. Trátase dunha nova fase, seguindo as indicacións de plan director, que completará o investimento realizado pola Deputación e o Concello, fase que se está executando agora, e a segunda fase, obtida tamén de fondos europeos, que alcanza os 1,5 millóns de euros. A alcaldesa indicou que esta nova achega, de conseguila, sería un “paso de xigante no avance de recuperación do parque”.
Xunto con este proxecto, tamén se solicitou financiamento para unha parque temático singular, vinculado á historia do Pasatempo. A intención é converter o actual parque infantil do Pasatempo “nunha área de xogos única, onde o protagonismo sexa do Pasatempo e a súa historia, con xogos baseados nesa historia e ese parque enciclopédico único en Galicia. En definitiva, recrear un parque infantil que sexa, tamén, un parque enciclopédico, un parque temático e educativo, con distintos elementos do parque do Pasatempo”. O proxecto recolle cinco áreas de xogos e cada unha contará cun tema específico relacionado co Pasatempo.
A terceira pata do proxecto é o de actuacións no centro histórico. Neste caso inclúese a creación de rutas e sinalización, ademais dun amplo programa de iluminación pública exterior e de elementos BIC como as igrexas e as súas contornas: San Francisco, Santa María e Santiago.
Entre estes dous proxectos, o parque infantil e o centro histórico, resérvase unha partida de 1,5 millóns de euros.