O PSOE de Betanzos continúa a mellorar o Pasatempo coa instalación dun sistema de depuración no estanque
O goberno municipal de Betanzos vén de instalar un sistema de bombeo e depuración natural no estanque do Pasatempo, co obxectivo de eliminar as algas que, de forma reincidente, aparecían na instalación a pesar das labores periódicas de limpeza.
Esta actuación responde ao compromiso do executivo local por preservar e recuperar un dos espazos patrimoniais e naturais máis emblemáticos da cidade. Grazas ao novo sistema, que favorece o movemento da auga e a súa oxixenación, evitarase a proliferación de algas que contaminaban a lámina de auga e provocaban un efecto visual de prolongación da zona verde, xerando situacións de risco para os visitantes.
Desde o PSOE de Betanzos destacamos que esta intervención forma parte da estratexia de conservación e posta en valor do Parque do Pasatempo, que inclúe accións de mantemento, restauración e mellora da seguridade. Apostamos por un modelo de xestión que combine respecto polo patrimonio, sustentabilidade ambiental e accesibilidade para toda a cidadanía.
Seguiremos traballando para que o Pasatempo recupere todo o seu esplendor e continúe sendo un orgullo para Betanzos e para Galicia.
