Ramón García Vázquez presenta a súa dimisión por “circunstancias persoais”

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, presentou hoxe a dimisión por “circunstancias persoais”. Explicou que era unha decisión que viña madurando “desde hai meses, xa que circunstancias persoais” non lle permitían dedicar o tempo “necesario ao Concello”. “Temos moitos servizos, poucos medios, e o Concello necesita dedicación, que a hai por parte de todos os concelleiros pero a miña, por esas cuestións persoais, creo que non estaba á altura do que Betanzos necesita”.

O primeiro edil indicou que a dimisión “é boa para min e para o propio Concello que necesita unha maior actividade que, por diversos motivos, non podo facer como desexaría”. Aproveitou a súa comparecencia ante os medios para agradecer á agrupación local socialista que confiase nel “para ser no seu día candidato a alcalde; aos meus compañeiros de goberno a quenes sen a súa axuda non podería facer o labor diario de alcalde, nuns anos que non foron fáciles, que chegamos en 2011 cunha situación económica difícil, e nos que houbo que tomar decisións drásticas, que non gustaron a todo o mundo. Pero hoxe deixo un Concello saneado, con débeda cero e co pago das facturas ao día”.

García Vázquez, que levaba de alcalde desde 2011 e formando parte da Corporación Local desde 1987, agradeceu tamén ao presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, presente na rolda de prensa, “a súa colaboración e apoio para desenvolver numerosos proxectos no municipio e, de forma especial, desbloquear o do parque do Pasatempo”. Tamén explicou que esta mañá mantivo conversacións con diferentes conselleiros aos que quixo agradecer persoalmente a súa colaboración co Concello: os responsables de Educación e Cultura; Infraestruturas e Vivenda e Medio Ambiente. Tampouco quixo esquecer organismos que colaboraron estes anos co Concello en diferentes proxectos como as Demarcacións de Estradas e Costas do Estado en Galicia; ademais de “felicitar” ao presidente do Consorcio das Mariñas e ao resto de alcaldes que forman parte do mesmo e da Reserva da Biosfera por “o intenso labor” destes últimos anos.

Tivo tamén palabras para a Corporación Local da que destacou a súa “sensatez” e a súa preocupación por resolver os problemas de Betanzos á marxe de “ideoloxías ou formulacións políticas”. Subliñou o traballo dos empregados municipais “dos que os betanceiros nos debemos sentir orgullosos”. Concluíu, valorando a colaboración das asociacións deportivas, culturais e sociais “sen as que non poderiamos desenvolver boa parte das actividades” e que se ía “coa satisfacción de deixar programadas as obras de recuperación do Pasatempo; a mellora da Ribeira para evitar as inundacións e a planta de tratamento de auga potable”.

Nas vindeiras horas convocaráse un pleno para dar conta da renuncia do alcalde e posteriormente o outra sesión plenaria para nomear o futuro rexidor. A concelleira de Servicios Sociais e Cultura, María Barral Varela, asumirá o cargo de alcaldesa en funcións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará