Os Bolechas en Betanzos o 25 de xullo para festexar o Día de Galicia

O sábado 25 de xullo, con motivo do Día de Galicia terá lugar o espectáculo infantil “Os Bolechas na máquina do tempo” para nenos e nenas de 3 a 8 anos e as súas familias. A actividade terá lugar ás 20:00 h na Aula de Cultura Xulio Cuns.

Os xa famosos Bolechas, deseñados por Pepe Carreiro, volverán darse cita este verán cos seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, a cativada de entre 4 a 8 anos, nunha nova viaxe chea de aventuras e de diversión.

Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro—o científico turuleque dono da máquina—levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria… O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.

A actividade ten continuidade na aplicación web “Os Bolechas na máquina do tempo”, onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.

Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas.

Esta actividade está organizada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa Falaredes 2015 en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará