O goberno local traslada á Xunta unha serie de actuacións para mellorar a seguridade viaria na estrada Betanzos-Mesón do Vento ao seu paso por Guiliade

O goberno local solicitou á Consellería de Infraestruturas a execución dunha serie de medidas necesarias para garantir a seguridade na estrada AC 542 que une Betanzos con Mesón do Vento ao seu paso por Guiliade. O alcalde, Ramón García Vázquez, mantivo conversas coa xefatura territorial da Consellería para trasladar a súa preocupación e a da veciñanza da zona pola situación e o “perigo” dalgún dos tramos.

O alcalde trasladou á Consellería un informe elaborado pola Policía Local no que se analiza a situación da estrada. Neste sinálase que o tramo máis perigoso é o situado entre os puntos quilométricos 4,2 e 4,8 no que a velocidade está limitada a 70 quilómetros por hora. A Policía sinala que o movemento de peóns é “elevado”, especialmente pola tarde xa que se atopan varios centros públicos e privados como o parque infantil, a fonte pública, un lavadoiro público, varios establecementos hostaleiros, o centro social, e os accesos ao campo de fútbol. Ademais, hai vivendas en ambas as marxes, polo que é un tramo complemente urbano. Ademais, no punto 4,6 da estrada atópase o cruzamento coa vía que une Guiliade e Guísamo, que ten unha elevada densidade de tráfico.

Con estes datos, o goberno local propón á Xunta unha serie de actuacións que van desde a limitación da velocidade a 50 quilómetros por hora; ata a dotación de beirarrúas nos tramos que aínda non dispoñen dela en ambas as marxes. Tamén pide a sinalización de dous pasos de peóns, un deles nas proximidades do polideportivo e centro social e outro na zona próxima a establecementos hostaleiros e acceso ao campo de fútbol. Estes pasos terían que contar tamén con sinalización correspondente e iluminación.

Tamén se pretende reforzar a sinalización de limitación de 50 quilómetros por hora con bandas transversais na calzada así como incidir na sinalización horizontal en cada sentido.

Por último, solicítase o pintado dun paso de peóns que una as beirarrúas da marxe á altura do cruzamento da estrada autonómica coa que une Guiliade e Guísamo, tendo en conta o número de persoas que transitan pola zona.

O primeiro edil explicou que, á marxe destas medidas, o Concello pedirá outra serie de actuacións noutros tramos da vía, especialmente, na zona de Montellos e de Infesta, na que é tamén necesario aumentar a seguridade viaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará