O goberno local apoia ás entidades sociais, culturais e deportivas de Betanzos con máis de 100.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades

1

O goberno local asinou os convenios de colaboración coas entidades deportivas, culturais e sociais para o desenvolvemento e apoio ás súas actividades con cargo aos orzamentos municipais de 2015.

Na relación de entidades están incluídos os clubs deportivos que contan con escolas nas que están matriculados centenares de nenos do Concello en distintas especialidades; as axudas para o comercio; así como entidades como Cruz Vermella ou Cáritas. En total, asináronse convenios por un montante total de máis de 100.000 euros.

As axudas municipais cobren en gran medida as reducións que boa parte das entidades sufriron por parte doutras administracións e que nalgúns casos chegaron até o 80%, o que provocou uns importantes desaxustes económicos que sen esta axuda municipal, nalgúns casos, mesmo, “provocarían a súa desaparición”.

Ademais de Cáritas e Cruz Vermella, na relación de entidades de ámbito social atópase a Asociación Prol Enfermos Mentais (APEM); ademais tamén reciben subvencións a Asociación de Comerciantes e Empresarios (ACEBE); a Fundación CIEC, a confraría de Semana Santa, a coral Polifónica; Amigos da Banda; ou a Asociación de Pais do colexio Vales Villamarín. En canto ás entidades deportivas, inclúese o Betanzos CF, o club de Piragüismo, o de taekwondo, o Troula Fútbol sala; Santo domingo de baloncesto; o club Ciclista e o club Caimanes.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou durante a firma dos convenios a “importante labor que desenvolven estas entidades, que moven a unha importante masa social e que cobren en certa medida un espazo de formación e axuda a moitas familias que sería imposible, materialmente, realizar desde a administración pública. De aí a importancia que ten para un municipio como Betanzos poder contar con estas entidades”. Indicou que aínda que a intención era asinar estes convenios antes, por temas administrativos non foi posible até esta semana polo que “para reflectir a importancia que para nós ten, como Concello, o traballo das entidades, programamos este acto para que dalgunha forma fose o último institucional antes de meternos en campaña, e darlle así a importancia e relevancia que ten o traballo das vosas entidades, ademais de agradecervos a vosa dedicación, colaboración e traballo nos diferentes programas e actividades que organizades”, apuntou o alcalde.

Durante o acto, o presidente de Cáritas, Dario Amor, agradeceu ao goberno local que “por primeira vez un alcalde acordásese de Cáritas para establecer un convenio de axuda, xa que até a chegada Moncho nunca antes ningún outro se preocupou por establecer esta colaboración”.

Relación de axudas: Cruz Vermella; Coral Polifónica; Betanzos CF; Acebe; ANPA Vales Villamarín; Taekwondo “Kwon”; club de Piragüismo; Amigos da Banda; Fundación CIEC; Troula Fútbol sala; Club Baloncesto Santo Domingo; APEM; Caimáns; Fondo Galego de Solidariedade; Confraría de Semana Santa; Cáritas Betanzos; Club Ciclista Betanzos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará