O Concello saca a licitación a última fase da recuperación do lavadoiro das Cascas

O Concello sacou a licitación as obras correspondentes á terceira fase de mellora do lavadoiro das Cascas coas que concluirá a súa restauración.

Trátase dun proxecto que conta cun investimento, nesta fase, duns 40.000 euros e que completará os executados en 2014, no que se restaurou e reparou a cuberta; e en 2015 coa limpeza, reparación e pintura de fachadas.

Esta terceira fase centrarase na mellora do interior das instalacións. Despois dunha análise da situación e tendo en conta que se trata dunha obra singular cunha importante calidade arquitectónica que está afectada por unha constante deterioración, o Concello decidiu intervir tamén no interior e mellorar os elementos que o compoñen con varias finalidades: garantir a estabilidade estrutural, a seguridade de uso, a conservación de todos os elementos orixinais e devolver ao seu estado inicial os elementos transformados.

Neste sentido, os traballos incluirán a reparación da estrutura de madeira do primeiro piso; a reparación dun dos muros do edificio e da estrutura da escaleira afectada por corrosión; substitución do pavimento de madeira da escaleira interior; e reparación das varandas, repoñendo os elementos desaparecidos e recolocando as pezas que foron arrincadas no seu lugar de orixe.

O Concello considera que con estas obras recolleranse aquelas “actuacións que se consideran prioritarias para a seguridade das persoas e do propio edificio”.

A restauración do lavadoiro enmárcase no programa de recuperación patrimonial no que o Concello incluíu tamén o arranxo das fontes das Catro Estaciones e a Primavera, a limpeza da Diana Cazadora; a estatua dos irmáns García Naveira e o palco da música.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará