O Concello reserva preto de 78.000 euros para facer fronte a unha segunda indemnización á concesionaria da piscina pola Covid-19
Trátase dun segundo pago, ao que ten dereito por Lei, que se suma aos 43.258 que xa percibiu polas perdidas de ingresos e o incremento de custos soportados
O Concello celebrará o próximo día 16 un pleno extraordinario no que exporá a modificación dun suplemento de crédito financiado con remanente líquido de tesourería para gastos xerais que incluirá unha previsión de gasto de 77.912 euros para facer fronte a unha posible indemnización polo restablecemento do equilibrio económico da piscina municipal correspondente ao segundo semestre de 2020 e os efectos derivados da Covid-19.
Con todo, aínda está por determinar o importe e o dereito mediante o correspondente expediente, aínda que, resulta necesario para os servizos técnicos municipais reservar xa esta partida para afrontar o pago no caso de que quede acreditada a indemnización.
Sería a segunda achega municipal, despois de xa facer fronte o Concello a outros 43.258 euros polo mesmo concepto de afectación que tivo no desenvolvemento da actividade das instalacións a situación da Covid.
Os servizos xurídicos municipais, en base ao Real Decreto 8/2020, e tendo en conta que as instalacións tiveron que estar pechadas, volverán analizar a reclamación da concesionario para ese segundo semestre de 2020 e concretar se o Concello debe facer fronte a un reequilibrio económico, é dicir, a compensar a perda de ingresos ante o incremento dos custos soportados, entre os que se atopan os posibles gastos adicionais salariais por un montante total que agora reserva de 77.912 euros.
A situación pandémica e os problemas á hora de realizar con normalidade a actividade nas instalacións municipais causou importantes problemas de xestión que tiveron unha afectación directa nos traballadores da empresa. “Á empresa, por Lei, correspóndelle unha compensación económica, e esperamos que sirva para mellorar a situación dos seus traballadores que, segundo trasladaron directamente á alcaldía, están a padecer problemas”.
As restricións pola Covid coa consecuente redución de actividades unido a unha importante redución de abonados fai que a xestión das instalacións pase por un momento complicado “algo que é xeral, non só en Betanzos senón noutras cidades” polo que “esperamos que aos as condicións melloren en paralelo á mellora de datos da pandemia e que pronto se chegue a unha nova normalidade tamén no día a día da piscina e o ximnasio”.