O Concello renova os muros da rúa Fonte de Unta dentro dun plan de mellora de equipamentos e edificios públicos

O Concello executa os traballos de pintado exterior dos edificios municipais nos que inclúe o Conservatorio de música; o mercado, situado no contorno das igrexas de San Francisco e Santa María, cuxa pintura exterior se atopa en moi mal estado, con abundantes danos, gretas e manchas de humidade; o muro do cemiterio, xa concluído, que se atopaba practicamente sen pintura na maior parte, presentando sucidade e gretas; e os muros de Fonte de Unta.

Neste mesmo proxecto inclúense traballos no Museo das Mariñas, onde se acondicionarán as portas de entrada; e o edificio Liceo, co arranxo da porta de entrada principal ao edificio. Á marxe deste programa, o Concello executa estes días o pintado do lavadoiro das Cascas.

Trátase dunha nova actuación para mellorar este emblemático edificio coas que o goberno local completará as obras que realizou nunha primeira fase do proxecto para frear a deterioración do inmoble, saneando elementos que presentaban danos, especialmente da cuberta, que foi reparada para evitar filtracións; substituíndo o tellado de uralita por unha cuberta de zin -cun material custoso- mais co que se recuperou o orixinal que tiña o lavadoiro.

Ademais, realizáronse diversos traballos de arranxos estruturais de elementos de formigón e madeira, e a retirada de cableado. A mellora forma parte do programa de recuperación de Patrimonio que incluíu actuacións na fonte de Diana Cazadora, a estatua da Caridade; o palco da Música e nos próximos días na fonte do Catro Estacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará