O Concello presentou a reclamación vía xudicial de desafiuzamento do hotel Complexo San Roque por impagamento das rendas e outros conceptos contractuais

O Concello presentou ante o Xulgado de Primeira instancia de Betanzos as correspondentes accións de reclamación do importe das rendas debidas e non pagamento do hotel San Roque e a resolución do contrato de aluguer polo “non pagamento de rendas e por incumprimento de contrato de alugueiro”. De forma paralela, pedirá o desafiuzamento da leira arrendada, é dicir, do propio hotel.

A proposta, presentada polo goberno local e que foi apoiada en Pleno por CxB e BNG, co voto en contra de PP, baséase no informe emitido pola asesoría xurídica municipal o pasado día 26 de marzo no que propón o inicio de accións en defensa dos dereitos e intereses do Concello en relación ao incumprimento por parte da entidade mercantil Complexo San Roque S.L. do pagamento da renda do contrato de aluguer do antigo asilo Manuel Naveira e outros incumprimentos contractuais.

Con anterioridade a este acordo, o goberno local convocara a Comisión Municipal, creada para este asunto, na que se analizaron tanto os informes emitidos polo departamento xurídico municipal como os que se solicitaron a unha asesoría externa.

Canto á concesión, que afectaría o aparcadoiro subterráneo e ao restaurante-cafetaría, seguindo as directrices recollidas nos informes xurídicos elaborados polo bufete externo ao que o Concello encargou o estudo da situación do complexo San Roque, iniciarase un proceso administrativo de reclamación de documentos que faltan no expediente como o abono do canon patrimonializado (cesión de uso dunhas prazas do aparcadoiro para o Concello) e a póliza de responsabilidade civil, entre outros.

En función da evolución destas reclamacións o alcalde, Ramón García Vázquez, explicou que o Concello “terá que ir adoptando acordos” tendo sempre claro que o importante “é a defensa dos intereses do Concello”. O obxectivo é que “non haxa que proceder ao pagamento de indemnizacións que poidan lesionar gravemente a economía do Concello”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará