O Concello organizará xornadas de portas abertas para “achegar” aos betanceiros os traballos de restauración do Pasatempo
Facer partícipe aos betanceiros e betanceiras das obras de recuperación do parque. Que vexan a evolución dos traballos e como se desenvolven”. Con ese obxectivo, explicou a alcaldesa, María Barral, o Concello organizará xornadas de portas abertas ao parque do Pasatempo para que se contemplen de preto a evolución dos traballos e o labor dos restauradores que nestes momentos céntranse no Estanque do Retiro.
A primeira fase deste programa de divulgación comezou por grupos de estudantes, de ensinos medios e de universidade. Nos últimos días xa visitaron o recinto varios destes grupos nos que os responsables da restauración explicaron tanto a situación de partida das obras como o obxectivo final que se persegue, dando detalles aos alumnos de como se realizan os traballos, o seu desenvolvemento, aspectos sobre as características dos materiais ou as dificultades que se atopan día tras día nun proxecto complexo como é o do parque.
A idea é que nas próximas semanas organícense xornadas de portas abertas para que os veciños e veciñas de Betanzos poidan contemplar o cambio que está a experimentar a zona na que se executa a primeira fase do proxecto de recuperación do parque. Para iso, crearanse zonas transitables, de paso, delimitadas e con estritas medidas de seguridade, restrinxindo o acceso á vez a un determinado número de persoas.
María Barral, que participou nunha destas primeiras xornadas xunto a alumnos do instituto, destacou a iniciativa como parte do programa “formativo” que tamén teñen estes traballos. Neste sentido, mostrou a súa satisfacción polo avance das obras porque “despois de meses de traballo apréciase un cambio significativo en moitas partes do estanque”.
En canto á xestión de novos recursos económicos para o parque que permitan afrontar as seguintes fases do mesmo, indicou que se mantiveron conversacións co Goberno Central para establecer novas vías de investimento, ademais dos 1,5 millóns de euros que concedeu de Fondos Europeos a través do Plan Nacional Turístico. Con todo, “insistiremos, agora que se presentaron os orzamentos da Xunta e que segue sen haber partida para o Pasatempo, que o goberno galego destine fondos propios e que estes non queden nos 60.000 euros do plan director. Ata o de agora as achegas foron do Goberno central con eses 1,5 millóns, e da Deputación e Concello con outros 750.000 euros, esperamos que as boas palabras destes últimos anos do goberno da Xunta non queden só nesas boas palabras senón que se convertan en financiamento”.