O Concello mellorará o lucernario do edificio Liceo, utilizando técnicas para reducir a temperatura entre seis e sete graos no interior

O Concello acaba de sacar a contratación as obras de mellora do Liceo. Entre outras actuacións inclúese o amaño do lucernario. Para determinar as actuacións neste elemento téñense valoradas varias opcións alternativas co mesmo propósito de mellorar o seu comportamento térmico. A primeira posibilidade sería a de substituír o material do actual lucernario, pranchas de policarbonato, por outro máis eficiente en canto a transmitancia calorífica; unha segunda opción a considerar sería instalar un sistema de protección superior, orientable e mecanizado que controlara o paso de luz e calor segundo as necesidades , e por último crear filtros sinxelos de aplicar que reduciran os efectos que provoca o exceso de radiación.

Logo de valorar as diferentes opcións optouse pola terceira en tanto que con ela conseguimos cun menor investimento e cunha intervención totalmente reversible un bo rendemento. Sobre todo considerando a dimensión do lucernario que de substituírse ou cubrirse obrigaría a solucións complexas que afectarían á cuberta. Concrétase a proposta na aplicación dunha laca reflectante pola cara exterior que garante a diminución de temperatura en 6-7 graos no interior con respecto da orixinal, e na instalación dun “tamiz” na cara interior que transforme a imaxe industrial actual do lucernario nun rico xogo de luz e sombra.

Para a definición deste “tamiz” o Concello recorrerá a un oficio artesán e tradicional de Betanzos que hoxe está case que desaparecido, a cestaría con vimbia , e para a súa materialización contamos ca colaboración da profesional Idoia Cuesta, unha especialista nada no País Vasco e afincada, segundo ela mesmo conta “nunha zona de Galicia declarada Reserva da Biosfera. A natureza e a paisaxe que me rodea no meu dia a dia, os bosques, o río Miño ca súa illa no medio, as vimbias que cultivo, as cegoñas que tecen os seus nós, non só me inspiran, senón que me ofrecen a oportunidade de crear pezas sustentables, con formas orgánicas que transmiten a nobreza e calidez das materias primas que utilizo”.

A proposta é utilizar a técnica de tecido empregada que se coñece como técnica do caos ou técnica niño, e está inspirada en cómo os paxaros tecen os seus niños na natureza. Trátase dunha instalación artística totalmente reversible e desmontable, colgada da estrutura de aceiro existente á que non afecta dado o seu escaso peso. En calquera caso pódese entender coma a substitución das cortinas/estores existente que resulta ineficaces e agora mesmo inservibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.