O Concello mellorará as rúas Tomás Dapena, Alcalde Beccaría e a avenida de Castela cun investimento de máis de 150.000 euros

O Concello mellorará tres rúas do centro urbano a través dun plan provincial nas que investirá máis de 150.000 euros. Trátase de Tomás Dapena, Alcalde Beccaría, e avenida de Castela, que presentan un deficiente estado de conservación. Con carácter xeral proxéctase a rehabilitación integral das beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, agás nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano.

Os pavimentos de firme e das beirarrúas presentan heteroxeneidade nos seus acabados froito das distintas épocas de trazado, co que con este proxecto se pretende unificalo, tanto en aspectos de acabado, como de tipoloxía de solucións coas que xa se viñeron probando con éxito en entroncamentos como o da rúa Venezuela con Rollo, na propia rúa do Rollo e en Pintor Seijo Rubio.

Aproveitando a execución das novas beirarrúas proxéctase a retirada da rede de abastecemento, de fibrocemento, de auga potable e substituíla por outra de novo trazado de polietileno sobre a que se realizarán novas acometidas a cada unha das edificacións.

Resérvanse partidas orzamentarias para a realización da renovación daquelas partes do pavimento que pola súa antigüidade, deficiencia de trazado, ou realización de obras (caso do encontro entre as rúas Beccaría e Tomás Dapena e o trazado ao longo desta última no seu ramo central ata o entroncamento co paso de peóns proxectado para a rúa Venezuela).

Ademais contémplase a reposición das beirarrúas e pasos de peóns das tres rúas. Realizarase un novo deseño nos encontros entre rúas Alcalde Tomas Dapena , Alcalde Beccaría e avenida de Castela. Do mesmo xeito que as zonas peonís repoñerase a sinalización viaria completa incluíndo as zonas de aparcadoiro e os pasos de peóns. Renovarase todo o parque de sinalización urbana sobre postes metálicos así como papeleiras e bolardos. Dotarase o viario de sinalización vertical, e sinalización horizontal. Colocaranse papeleiras de aceiro e pilonas de fundición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará