O Concello inicia esta semana a segunda fase de pintado de rúas para incrementar a seguridade viaria no casco urbano

O goberno local iniciará esta semana unha nova fase do programa de mellora da seguridade viaria co reforzo da sinalización en varias rúas do centro urbano.

Trátase dunha nova actuación coa que o Concello pretende mellorar a seguridade viaria destas rúas (situadas na zona centro da cidade) mediante o pintado de distintas marcas viarias nas rúas do Rollo, Tomás Dapena, Alcalde Beccaría, Venezuela, Padre Francisco Blanco, Pintor Seijo Rubio, Rosalía de Castro, Cal das Barras, Cruz Verde, Doutor Fleming, Irmandades da Fala, Emilia Pardo Bazán, José Alguero Penedo e zona Río Sol.

En concreto, eliminaranse algunhas das marcas existentes, repintaranse os pasos de peóns e outros símbolos que se atopan en mal estado; pintaranse as liñas centrais e o bordo a calzada, zonas de aparcadoiro, zonas de carga e descarga, vaos, liñas de parada e outras marcas transversais, pasos de peóns, e outro tipo de marca.

Dentro deste mesmo plan hai unhas semanas renovouse a avenida do Carregal, a Praza de Alfonso IX, a Avenida Linares Rivas, a Avenida Jesús García Naveira e o Cantón de Claudino Pita.

A través deste programa, segundo explicou o concelleiro de Seguridade, Diego Fernández, o Concello pretende “reforzar a seguridade viaria en puntos ou zonas que teñen unha importante intensidade de tráfico e presenza de peóns, como as zonas próximas aos centros de ensino; ou equipamentos deportivos e sociais”.

Neste sentido, lembrou a creación dunha zona de límite 30 en todo a contorno da Rúa Rosalía de Castro, onde, ademais, construíronse varios pasos de peóns elevados para “obrigar aos condutores a reducir a velocidade”. Instaláronse sinais luminosos de advertencia de pasos de peóns nos contornos escolares, colocáronse bandas rugosas e colocáronse en diversas vías “ollos de gato”, reflectores para incrementar a seguridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará