O Concello incrementou nun 38% a partida económica para axudas para a compra de material escolar nos últimos dous anos

O Concello incrementou nun 38% a partida orzamentaria para a concesión de bolsas para a compra de material escolar nos últimos dous anos, que para o curso 2015-2016 se sitúa nos 16 000 euros. Dende mañá as persoas interesadas disporán de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes nas oficinas de Servizos Sociais, despois de que se publicaran as bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A concelleira de Servizos Sociais, María Barral, lembrou que o incremento das liñas de subvencións é “un dos obxectivos marcados polo grupo municipal para este mandato, de feito, o seu incremento foi progresivo dende a nosa chegada”. Explicou que no ano 2011 había axudas, na mesma convocatoria, de 6000 euros para “comedor e material escolar” e na convocatoria dese mesmo ano, xa co actual goberno, “incrementamos a partida ata os 11 000 euros”. Ao ano seguinte, ampliouse ata os 12 500 euros, é dicir, “duplicamos o orzamento”. Xa no ano 2013 o Concello separou as axudas de material das de comedor, quedando en 10.000 euros a contía só para material escolar, para “o ano pasado chegar aos 14 000 euros e este ano incrementala de novo ata os 16 000 euros”.

A convocatoria faise tendo en conta que cada ano as familias con fillos en idade escolar han de asumir o elevado gasto que ocasiona o principio de curso, en particular con motivo da adquisición de libros e material didáctico, gasto que resulta moi difícil de afrontar por parte das familias que están nunhas condicións socio-económicas desfavorables. Precisamente, co obxecto de promover o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e de compensar ás familias con escasos recursos para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos seus fillos, entendendo por tales a compra de libros e material escolar, o Concello fai pública a convocatoria para o alumnado matriculado nos centros escolares da localidade nos que se impartan ensinanzas de educación infantil, primaria e ESO.

O orzamento das bolsas convocadas para o presente curso escolar ascende á 16 000€, mentres que o importe de cada bolsa vai de 70 a 100 euros.

Entre outros requisitos para poder optar a estas bolsas inclúese estar empadroado/a e residir no Concello de Betanzos; matriculado/a para o curso escolar correspondente á convocatoria nun centro educativo público ou concertado de educación infantil, primaria ou ESO de Betanzos, e que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará