O Concello destaca a “altísima” participación rexistrada na Feira medieval e o “impacto” económico que supón para a cidade

O acalde, Ramón García Vázquez, explicou que, aínda que nos próximos días se celebrará unha reunión co persoal técnico para facer un balance de resultados da feira, o certo é que “os resultados son moi satisfactorios, pola altísima participación, por todo o movemento económico que ten para a cidade e pola repercusión e a promoción que a Betanzos lle dá esta cita medieval”.

O primeiro edil evitou dar cifras aínda que admitiu que “polos datos que manexa a Policía Local a deste ano puido ser, senón a que máis, si unha das feiras con maior participación nestes 18 anos de historia”. Destacou tamén a repercusión que tivo durante a fin de semana nas redes sociais.

Comentou que en moitos momentos da Feira superáronse amplamente as previsións, o que é un indicativo “da dimensión que alcanza esta feira e a repercusión que ten”. García Vázquez indicou que a reunión servirá para coñecer tamén aqueles aspectos que “son susceptibles de mellorar”. Admitiu que, en momentos puntais, “por esa aglomeración de xente, hai aspectos que resultan difíciles de controlar”.

O goberno local subliñou que a pesar desa altísima participación “todo se desenvolveu sen incidentes, destacando o traballo realizado por Policía Local e Garda Civil, Protección Civil, Cruz Vermella, os efectivos do parque de bombeiros de Betanzos e todos os voluntarios e traballadores municipais. Sen a contribución de todos eles e a participación activa dos betanceiros e betanceiras esta feira non sería posible”.

Canto ao programa, o Concello destacou a participación que novamente xeraron as escenas tradicionais, “o aquelarre, o torneo medieval, a expulsión dos leprosos”, trazos diferenciadores que seguen espertando interese e que fan que a Feira Medieval teña o éxito que ten e que “a pesar do incremento deste tipo de feiras Galicia, a de Betanzos se manteña como un referente”.

Os vendedores tamén destacaron que Betanzos segue sendo “un valor seguro” e aí o interese de moitos por estar tamén presentes na feira do próximo ano. Para este ano presentáronse unhas de 350 solicitudes e concedéndose 132 autorizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará