O Concello de Betanzos conmemora o Día das Letras Galegas con diversos actos e actividades

O Concello de Betanzos, dentro do amplo programa das Letras Galegas deste ano e co que se pretende homenaxear ao escritor Xosé Filgueira Valverde, organiza diversos actos e actividades ao longo de todo o mes e especialmente nos días previos á celebración do 17 de maio.

O vindeiro venres 15 de maio ás 20:30 h terá lugar no Salón Azul a proxección do documental divulgativo “Contextualizando a Filgueira Valverde” sobre a figura do pontevedrés, realizado a partir de material de arquivo e conversas entre familiares, amigos, especialistas e investigadores. Esta proxección contará coa presenza do seu director e un coloquio posterior. As diversas imaxes de arquivo, tanto fotográficas como audiovisuais, crean unha atmósfera histórica que serve de contexto para que as voces dos participantes modelen ao homenaxeado pola Real Academia Galega en 2015, Filgueira Valverde.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:30 h na Aula de Cultura do edificio Liceo terá lugar a entrega de premios do VI Concurso de carteis das Letras Galegas e mais o V Concurso de creación literaria. Para pechar o acto contaremos co espectáculo de narración oral “Contos da Quintana Viva” por conta de Pedro Brandariz de Dínamo que homenaxeará a Xosé Filgueira Valverde a través desta proposta que fai unha versión libre e contemporánea dunha maneira cómica e divertida das historias recollidas na Quintana viva do escritor pontevedrés.

Tamén, ao longo de toda esta semana terán lugar nos centros de ensino de secundaria os obradoiros radiofónicos “Xosé Filgueira Valverde, o vello profesor a través da radio” unha iniciativa que nace do propósito de levar a linguaxe radiofónica a vida e obra do escritor, a través dun achegamento do medio aos máis novos e novas; e mais as proxeccións do documental “Contextualizando a Filgueira Valverde” para o alumnado da ESO e Bacharelato dos centros de ensino betanceiros.

Podes consultar a programación facendo clic na imaxe.

linkpdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará