O Concello conclúe os traballos de conservación e restauración do retablo do Cristo da Ribeira, situado nunha das portas medievais do centro histórico

O Concello concluíu os traballos de restauración e conservación do retablo do “Cristo da Ribeira”. Os traballos, que duraron varios meses, foron efectuados nos talleres dunha profesional experta en conservación e restauración de obras de arte.
O retablo decora o arco da porta que leva o mesmo nome, a do Cristo da Ribeira. Está situado na zona superior do arco oxival da porta, creando a ilusión dun falso tímpano.

Está realizado en madeira dourada e policromada. Tipoloxicamente, presenta unha estrutura renacentista. Un pequeno Cristo é a única figura exenta do conxunto. Descoñécese a autoría ou atribución.

Unha vez colocado e concluídas practicamente as obras, agora quedan “pequenos detalles” para concluír os traballos.

Ao longo da historia, o retablo foi obxecto de diversas alteracións debidas a varios factores como o avellentamento dos materiais, a influencia de axentes atmosféricos e biolóxicos—está situado no exterior—e o paso de vehículos baixo o arco coa contaminación que isto supón. Estes factores provocaron desprendementos da cor, gran acumulación de sucidade e po, elementos soltos ou rotos, gretas e perdas de partes estruturais e decorativas.

A intervención realizouse en catro fases. A primeira co estudo dos materiais orixinais que integran o retablo, cunha documentación fotográfica exhaustiva da obra, estudo da estrutura, limpeza superficial.

A segunda fase, de tratamentos do soporte e da policromía recuperando a cohesión dos mesmos, e as distintas tonalidades que estaban ensombrecidas pola sucidade acumulaba durante séculos.

Nesta fase abordouse a consolidación, saneamento e tratamento da madeira, a protección da madeira non policromada, consolidación dos ouros e policromías e unha limpeza en profundidade. Na terceira fase, reintegráronse as perdas de material estrutural e concluíuse a intervención recuperando as tonalidades das cores orixinais, aplicando tamén unha capa de protección da película pictórica. A cuarta e última fase foi a colocación do retablo no arco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará