O Concello cambia o nome da Rúa Pérez Salas polo de Rúa Caneiros e dedica dúas aulas do Conservatorio e unha sala do Museo a Antonio Cal, Carlos Seijo e Rafael Seoane respectivamente

Betanzos aprobou o cambio de nome da Rúa Julio Pérez Salas polo de Rúa Caneiros. O novo nome foi proposto pola veciñanza, que presentou por Rexistro esta solicitude que logo foi aprobada na Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras, antes de ser ratificada onte polo Pleno da Corporación. O nome foi proposto despois de que a Comisión llo retirase con base á Lei da Memoria Histórica as honras e distincións a Julio Pérez Salas, a quen lle foi tamén concedida a medalla de prata da cidade en xaneiro de 1955 cando era gobernador militar da Coruña.

Ademais deste nomeamento, o Pleno tamén ratificou o acordo da comisión de Nomenclátor para dedicarlle unha aula do Conservatorio Municipal a Antonio Cal Purriños, primeiro director da Banda Municipal cando foi refundada en 1989. Ademais, foi un destacado músico de jazz, gañando a Cuncha de Prata no Festival de Jazz de San Sebastián.

Outro dos acordos é o de dedicar tamén outra aula do Conservatorio a Francisco Carlos Seijo, profesor do Instituto, músico, actor, e un dos fundadores da Rondalla A Nosa, director desta durante varios anos que logo se convertería na Rondalla Carlos Seijo.

Por último, o Pleno acordou dedicar unha sala do Complexo San Domingos, onde se atopa o Museo das Mariñas, a Rafael Seoane, a mesma que albergará a colección que acaba de doar ao Museo composta na súa maioría de pezas arqueolóxicas. A colección composta por máis de 1000 pezas, valoradas en centos de miles de euros, foi cedida gratuitamente ao Concello. Hai uns anos esta mesma colección fora ofrecida, no anterior mandato, ao Concello nunha operación de venda, con todo, “as conversas levadas a cabo polo concelleiro de Cultura e o director do Museo fixeron que ao final poida ser desfrutada dentro de pouco tempo por todos os galegos e, de forma especial, os betanceiros, como así era e é a vontade de Rafael Seoane, sen custo ningún para o Concello”.

De todas as pezas da colección destacan especialmente as oito procedentes da “ourivaría castrexa”: dous torques de ouro, un torque de prata, un brazalete de ouro, dous de prata e dous prendedores de ouro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará