O Concello abre un novo expediente ante o risco de derrubamento dunha vivenda en Saavedra Meneses
O Concello abriulle un expediente de orde de execución ás persoas propietarias dun inmoble situado en Saavedra Meneses para a adopción de medidas ante o estado no que está a vivenda, de dúas plantas, situada nas inmediacións da N-651. Os servizos técnicos de Urbanismo decidiron abrir o expediente tendo en conta que o estado de conservación da fachada principal e a medianeira é deficiente, con gretas verticais de rotura con derrubamento importante cara á vía pública e desprendemento de material.
A vivenda está valada de obra mais resulta insuficiente para o Concello para garantir a seguridade do tránsito peonil pola beirarrúa. A fachada principal, ademais, presenta de forma xeneralizada perigo de caída de material á beirarrúa, con cornixas e revestimentos desprendidos.
O estado de abandono no que se atopa a edificación reflicte que se está incumprindo por parte da propiedade o deber de conservación, co que cal o Concello decidiu abrir este expediente que para que as persoas propietarias realicen aquelas actuacións necesarias para conservar a estabilidade do inmoble e evitar que o seu estado non supoña risco para as persoas; ademais de que se cumpra a salubridade e hixiene.
Neste sentido, o Concello instou os propietarios a asegurar os elementos da fachada principal mediante o apontoamento e reforzos necesarios ás zonas sólidas da edificación, de maneira que se evite e colapso ou caída de material á vía pública.
Ademais, obrígalle a colocar unha rede de protección convenientemente suxeita ás zonas sólidas da vivenda para evitar a caída de partes ou pezas da fachada, valando a fronte e asegurando a carpintaría exterior para impedir o acceso a persoas alleas.
O edil de urbanismo, Andrés Hermida, explicou que se trata dun novo expediente dentro do seguimento que realiza a área de Urbanismo sobre o estado de inmobles que están abandonados ou con serios problemas “para instar os seus propietarios e propietarias a que tomen medidas canto antes e evitar a súa caída e os problemas de seguridade”.