O goberno local levará a Pleno a derrogación da taxa fiscal da ORA e do servizo de retirada de vehículos en zona azul

O goberno local someterá a aprobación inicial no pleno do martes día 30 a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de regulación de estacionamento de vehículos nas vías públicas (ORA) e  a modificación da ordenanza de retirada e custodia de vehículos (o servizo de guindastre) nestas rúas.

A proposta pasa pola supresión da taxa no relativo ao cobro por estacionamento na zona de ordenación e regulación de aparcadoiro (ORA). De aprobarse, tramitarase o expediente e someterase a exposición pública durante 30 días para que as persoas interesadas poidan examinalo e expor as reclamacións que consideraren oportunas. No caso de que non se presentasen, a ordenanza aprobaríase de forma definitiva.

A supresión desta ordenanza enmárcase nunha serie medidas relacionadas con modificacións fiscais que o Concello pretende adoptar para este ano como “axuda a determinados colectivos” e que, de forma indirecta, favorezan a diversos sectores da economía local. No caso da ORA,  a supresión da taxa fiscal manterase ata que se acorde se se volve ou non a licitar o servizo tal e como anunciara no seu día o alcalde aos grupos municipais nunha das reunións de traballo nas que se tratou esta cuestión.

Outra das modificacións fiscais que se pretende levar a cabo é a unificación da bonificación da Escola de Folclore, situándoa na mesma que xa existe para o Conservatorio Municipal de Música e a Escola Infantil.

Canto ao centro histórico, o goberno local pretende modificar a ordenanza de terrazas, creando unha serie de bonificacións para as que se instalen no centro histórico e estender á zona comprendida dentro da área de rehabilitación integral do centro histórico todas  as bonificacións existentes nas ordenanzas municipais que afectan o Plan especial de protección do centro histórico.

Tamén se proporá derrogar varios prezos públicos establecidos no seu día e que agora carecen de sentido como o das escolas de teatro ou o de entrada ao parque do Pasatempo.

O goberno local creará, ademais, unha taxa pola utilización do dominio público por instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.

Outras das iniciativas é a adhesión ao convenio entre Xunta e Fegamp para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concello doing business Galicia”. Esta adhesión levará aparellada unha serie de compromisos por parte do Concello para ofrecer vantaxes fiscais no Imposto sobre construcións, instalacións e obras ou no de actividades económicas. Estas bonificacións aplicaranse en empresas e autónomos que cren emprego e sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal.

Todas estas modificacións fiscais completarán as xa aprobadas en 2017, a proposta do goberno local, coa rebaixa do tipo de gravame do Imposto sobre bens inmobles de natureza urbana, coñecido coloquialmente como imposto de contribución, nun punto, para situalo así no 0,46 coa que se tentou paliar as subidas provocadas pola revisión catastral levada a cabo polo Ministerio de Facenda; e a derrogación da taxa que recolle a ocupación de vía pública que abonan os profesionais do servizo de taxi. Con esta supresión, os taxistas non terán que aboar os 100 euros anuais establecidos por esta ocupación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará