O Concello de Betanzos contrata a instalación dunha rampla de acceso ao Liceo dentro dun programa de eliminación de barreiras arquitectónicas

O Concello acaba de contratar as obras de instalación dun novo acceso ás oficinas do edificio Liceo a través da instalación dunha rampla. Trátase dun proxecto que o goberno socialista pretendeu executar hai uns anos mais que, no seu momento, non contou coas autorizacións correspondentes dada a singularidade do edificio e a súa contorna. Agora, tras realizar diversas adaptacións, chegouse a un acordo con Patrimonio para poder executar o proxecto.

A rampla instalarase na fachada principal do edificio, coincidindo cos accesos ás oficinas centrais do Concello. Trátase dunha rampla de estrutura lixeira e provisional para salvar o desnivel existente entre a vía pública e o interior do Liceo e facilitar así o acceso a todos os usuarios. A rampla terá o seu arranque na vía pública, concretamente na esquina do edificio con escaleiras que dan acceso á Alameda. Discorrerá en paralelo á fachada e terá unha lonxitude de aproximadamente dez metros.

A rampla desembarcará na porta de acceso e desde aquí, para superar o desnivel interior instalarase unha pasarela abatible mediante un mecanismo de bisagras de fácil apertura e peche.

Esta nova plataforma de acceso ao Liceo contará con estrutura metálica formada por perfís de aceiro, con tarima sintética e unha varanda adaptada de deseño.

Actualmente, as persoas con discapacidades que acceden ás oficinas do Liceo fano a través da aula de Cultura, por medio dunha rampla móbil, desde a rúa, e desde aí a través dun corredor interior. Desde a Aula de Cultura tamén se accede ao ascensor que conecta con outras oficinas ou instalacións do edificio Liceo como o Salón Azul, a Sala de exposicións ou a Alcaldía. Os traballos serán financiados polo Concello dentro do programa de eliminación de barreras arquitectónicas. O orzamento é próximo aos 13.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará