Comezan as obras de mellora da estrada que une Cortiñán con Montellos

A Deputación Provincial da Coruña, gobernada polo socialista Valentín González Formoso, comezou as obras de mellora da estrada que une Cortiñán con Montellos. Trátase dunha nova senda peonil na estrada provincial DP 0105, que une os concellos de Bergondo e Betanzos.

Os traballos mellorarán as condicións de accesibilidade peonil mediante a construción dun andén de 1,80 metros de ancho que enlazará coas beirarrúas existentes en Viúxe-Cortiñán. O tramo iníciase no PK 0+280 e discorrerá pola marxe esquerda ata o 1+200. Na marxe dereita levará tamén un pequeno tramo de senda entre os km 0+430 e 0+485, que permitirá colocar un paso de peóns para os viandantes que se dirixan á rúa Outeiro (Bergondo). Esta senda construirase con mestura bituminosa en quente e contará con bordo de formigón.

Estes traballos completaranse con outra obra que executa tamén a Deputación para mellorar a seguridade peonil na estrada DP 0901 que da acceso ao peirao de Betanzos, cunha senda de formigón de 2 metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada entre os puntos quilométricos 0 e 0+260, en paralelo ao parque Pablo Iglesias da capital brigantina. As obras incluirán tamén o reforzo do firme da estrada cunha nova capa de rodaxe de mistura bituminosa en quente.

O investimento supera os 150 000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará