Betanzos opta a outro millón de euros de fondos europeos para un proxecto para mellorar a conexión do Carregal co centro da cidade e crear novos equipamentos públicos
Betanzos acaba de presentar dous novos proxectos ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno dentro da convocatoria de axudas para a realización de accións destinadas á promoción de estilos de vida saudables.
Trátase da construción dun skate park e un circuíto de calistenia e un itinerario escolar saudable e accesible que una o centro histórico coa zona do Carregal, proxectos que alcanzan máis dun millón de euros e que foron presentados pola alcaldesa, María Barral.
Este último proxecto ten como obxectivo a creación dun itinerario seguro, saudable e accesible, tanto para escolares como para a terceira idade, aumentando un espazo público dedicado á mobilidade a pé ou en bicicleta, recuperando zonas degradadas e infrautilizadas dándolles un valor con mobiliario deportivo e equipamento de lecer.
Entre as actuacións que inclúe o proxecto recóllese a creación dun carril bici, o aumento de espazos para peóns; espazos de estancia para desenvolver diferentes actividades ao aire libre, cuns 8.000 metros cadrados de zona verde; creación de itinerarios que permitan chegar desde o centro de Betanzos á zona de servizos públicos (colexios, instalacións deportivas, centro de saúde) de forma segura. Prevese a plantación de 215 árbores. O investimento roldará os 700.000 euros.
En canto á pista de skate, prevese a súa construción nunha parcela anexa ás piscinas municipal e que cumpran coas demandas dos usuarios de deportes urbanos como skateboard, roller, bmx e scooter. Ademais executarase unha área de calistenia na parcela onde actualmente sitúase a vella pista de skate, co obxectivo de ampliar a oferta de deportes ao airea libre.
A primeira edil explicou que que con estas actuacións preténdese dinamizar a contorna, aumentar as actividades deportivas e facer máis inclusivo o espazo público, completando o proxecto coas actuacións previstas do itinerario saudable. “Sen dúbida será unha transformación de toda a zona, con novos equipamentos deportivos e de lecer, ademais de mellorar a conexión e a mobilidade co resto da cidade”, indicou a alcaldesa, quen engadiu que xunto a estas actuacións haberá “proxectos de humanización do centro histórico que incluirá tamén a praza Alfonso IX co que estamos a falar de actuacións transversais”.