Betanzos incrementa os medios da Policía Local e Protección Civil con dous novos vehículos

Betanzos incrementa os equipos de Protección Civil e Policía Local con dous novos vehículos, adquiridos a través dunha convocatoria da Xunta. Trátase dunha “pick-up” para facilitar os labores de Protección Civil, e un novo coche patrulla para a Policía Local, presentado polo alcalde, Ramón García Vázquez e o concelleiro de Seguridade, Diego Fernández.

Con esta incorporación, o Concello segue renovando paulatinamente a frota de vehículos despois de adquirir hai un par de anos outro para a propia Policía Local. A maiores, Protección Civil tamén disporá dun remolque de ”posto de control”.

O concelleiro de Seguridade explicou que entre as actuacións previstas a curto prazo para a Policía Local tamén se incorporarán dous novos axentes. Para a súa contratación, o Concello solicitara a autorización ao Ministerio de Administracións Públicas para que “permitise cubrir as vacantes ao 100% da taxa de reposición”. Por parte do Ministerio pedíronse máis datos para dar esa autorización e incorporar a estas dúas persoas. Remitida esa documentación, esta mesma semana chegou a autorización do Goberno central para iniciar o proceso administrativo de cobertura das dúas prazas.

Por outra banda, a Policía Local, dentro da campaña promovida pola DXT, realizou diversos controis na estrada de Castela, Mandeo, Malecón, avenida Fraga Iribarne e avenida da Coruña. Neles, detectouse un importante incremento de condutores que superan amplamente a limitación de velocidade establecida en cada zona. A Policía Local amosou a súa preocupación polos datos que esta campaña da DXT está a achegar nos primeiros controis realizados durante esta semana.

Protección Civil

No último ano, Protección Civil realizou un total de 74 actuacións desde o pasado mes de xuño de 2014 ata xuño deste ano. Delas, a maior parte foron intervencións en accidentes de tráfico e en incendios.

Canto á agrupación de voluntarios, os preto de medio centenar de persoas que a compoñen levaron a realizar no mesmo período 533 intervencións, das que case a metade corresponden aos labores de control de tráfico nos colexios. Destacan tamén a presenza nas festas de agosto, probas deportivas e eventos en distintas parroquias do municipio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará