A Xunta non autoriza a instalación dunha rampla de acceso ao Liceo polo que o Concello estudará unha modificación do proxecto

Patrimonio da Xunta non autoriza as obras de instalación da pasarela peonil que o Concello pretendía colocar para facilitar o acceso ao edificio Liceo, dentro do programa de eliminación de barreiras arquitectónicas. Desde a xefatura territorial da Consellería de Cultura trasladou ao Concello un informe desfavorable no que “non autoriza as obras solicitadas”.

Na súa valoración, a Xunta explica que a rampla proposta ocupa unha gran parte da fachada principal, que é a que conforma o espazo público da praza, e nunha porta de acceso ao edificio Liceo que ten maior diferenza de cota respecto da vía pública. Neste sentido, propón que se reforme a proposta a outra entrada na que apenas existe diferenza en relación á vía pública co que de instalarse a rampla tería “un menor desenvolvemento e a súa presenza non suporía unha afección tan destacada como a que se propón no proxecto do Concello”.

Ante esta situación, o goberno local valorará unha reforma do proxecto para estudar outras alternativas aínda que “o obxecto de expor a rampla onde se proxectaba non era senón por facilitar o acceso directo ás oficinas municipais. Calquera outra das portas do edificio Liceo non dan acceso directo a estas oficinas, co cal, o obxectivo do proxecto, en canto a eliminación de barreiras, non se cumpriría dunha forma eficiente”.

O Concello considera que o proxecto se adaptaba ás características da zona e que, a pesar da lonxitude da rampla “se minimizaba o impacto”. Ademais, lembra que noutros edificios do contorno, para eliminar barreiras arquitectónicas, tamén se tiveron que instalar este tipo de plataformas, mesmo con maior impacto á proposta. O Concello estudará agora unha modificación do proxecto para “tentar mellorar os accesos ás oficinas e que esta actuación non volva dilatarse no tempo”.

A rampla incluída no proxecto discorría paralelamente á fachada do edificio Liceo, de forma similar á que se instalou no seu día no edificio dos Xulgados.

A través da rampla pretendíase acceder á entrada das oficinas municipais do Liceo, onde, para “salvar” outro desnivel, colocaríase unha pasarela abatible mediante mecanismo de bisagras. Esta quedaría unida á rampla exterior.

A plataforma sería de estrutura metálica e sobre ela laxas de granito, con varanda, en materiais acordes coa contorna da praza.

Actualmente, as persoas con discapacidades que acceden ás oficinas do Liceo fano a través da Aula de Cultura, por medio dunha rampla móbil, desde a rúa, e desde aí a través dun corredor interior.

Desde a Aula de Cultura tamén se accede ao ascensor que conecta con outras oficinas ou instalacións do edificio Liceo como o Salón Azul, a Sala de Exposicións ou a Alcaldía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará